O BNG da Coruña denuncia que o Instituto Agra do Orzán non garante o dereito á educación do alumnado inmigrante
O BNG da Coruña denuncia que o Instituto Agra do Orzán continúa a carecer de docentes suficientes para garantir o dereito á educación do alumnado inmigrante que non domina as dúas linguas oficiais do país.
Destacan que o Instituto Agra do Orzán segue sen dispoñer do número adecuado de docentes especializados en Pedagoxía Terapéutica para asegurar que o alumnado inmigrante que non fala nin galego nin castelán poida acceder a unha educación de calidade, a pesar "das constantes mobilizacións e solicitudes por parte da comunidade educativa, así como das iniciativas rexistradas polo BNG no Parlamento galego en outubro".
Así o denuncia a deputada nacionalista Mercedes Queixas, quen anuncia que nos próximos días impulsará novas iniciativas parlamentarias. "Actualmente, están matriculados un total de 75 estudantes con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE), pero só contan cun profesional de pedagoxía terapéutica", explican.
"En outubro xa rexistramos unha pregunta oral e unha proposición non de lei para instar ao Goberno galego do PP a que, tal e como estipula a lexislación, creara grupos de adquisición de linguas para que os alumnos inmigrantes do IES Agra do Orzán puideran acceder á formación nas distintas materias. Pero pasaron os meses e a Xunta non fixo nada ao respecto", critica.
Queixas sinala que "o PP está a vulnerar o dereito á educación do alumnado inmigrante. E non estamos a falar dun caso illado, isto ocorre en máis centros, tanto na cidade como en Galicia", engade.
No IES Agra do Orzán están escolarizados estudantes de até 20 nacionalidades, o que reflexa a diversidade cultural e lingüística do barrio, un dos máis densamente poboados da cidade. "Esta diversidade cultural debe ser entendida como unha oportunidade de aprendizaxe para toda a comunidade educativa, pero debe ir acompañada de recursos que favorezan a integración, xa que, en moitos casos, o alumnado provén de contextos sen unha referencia lingüística común", subliña a concelleira e deputada do BNG.
Queixas destaca que, neste centro, hai matriculados 75 estudantes con NEAE, pero só contan cun "un único profesional de pedagoxía terapéutica". Como consecuencia desta ratio tan baixa, "a maioría dos estudantes están desatendidos e desprotexidos".
"Desde o centro xa se solicitou á Xunta aumentar a dotación destes profesionais tan necesarios, polo menos con dous docentes, como se fixo en cursos anteriores", explica. Sen embargo, esta solicitude, igual que as formuladas polo BNG no Parlamento, foi desatendida polo Goberno galego do PP.
"Desde logo, insistiremos. Volveremos rexistrar iniciativas para que a Xunta garanta o dereito á educación de todo o alumnado, incluíndo, por suposto, ao alumnado inmigrante", conclúe a deputada do BNG.