O BNG da Coruña denuncia o mal estado dos polideportivos da Sardiñeira e Elviña

ACoruñaXa
O grupo nacionalista levará a Pleno unha moción facéndose eco das queixas das persoas usuarias
Fochancas-no-acceso-ao-polideportivo
7 Mar 2025

O concelleiro do BNG da Coruña, David Soto, presentará unha moción para o seu debate no Pleno do vindeiro xoves 13 de marzo, facéndose eco das queixas das persoas usuarias polo mal estado dos polideportivos da Sardiñeira e Elviña, ambos de titularidade da Xunta de Galicia.

Soto non só denuncia a responsabilidade da Xunta pola falta de mantemento destas instalacións, senón tamén a ausencia de acción por parte do Goberno local para esixir ao goberno autonómico que garanta a calidade das prestacións que reciben as persoas usuarias destes polideportivos, de titularidade pública pero xestionados por unha empresa privada.

“As instalacións levan anos sen investimentos, o que se traduce en pingueiras nas pistas, paredes descascadas, armarios que non funcionan nos vestiarios, máquinas deportivas deterioradas e, mesmo en Elviña, accesos inzados de fochancas”, relata Soto.

O BNG traslada que é consciente de que a concesionaria solicitou unha autorización en urbanismo para levar a cabo un mantemento xeral das instalacións. Indica que o permiso lle foi outorgado o 18 de setembro de 2024, “mais a día de hoxe as obras non foron executadas, co cal a autorización estaría a piques de caducar, o que obviamente adiaría a reparación das deficiencias”.

Para Soto, é obvio que “a Xunta non lle está a esixir á concesionaria a debida dilixencia” á hora de manter as instalacións en bo estado, mais tamén parece evidente que o Goberno local tampouco está a premer a Administración autonómica para que esta ofreza un servizo de calidade. “É como se houbese un pacto non escrito de cohabitación pacífica entre o PP na Xunta e o PSOE no Concello, polo cal ambos evitan molestarse entre si”, argumenta Soto.

“Isto debe rematar canto antes. Quen paga os pratos rotos é a veciñanza da cidade”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.2127480506897