O BNG da Coruña denuncia o mal estado do polideportivo de Elviña e esixe a súa reparación á Xunta

ACoruñaXa
O concelleiro David Soto urxe á Xunta a cumprir coas promesas de acondicionamento
Imaxe do concelleiro do BNG, David Soto
18 Mar 2025

O concelleiro do BNG David Soto denunciou a través dun vídeo o mal estado no que se atopa o polideportivo de Elviña, unha instalación deportiva xestionada pola Xunta. No vídeo, difundido a través das redes sociais do BNG coruñés (X, Instagram, TikTok, Facebook e YouTube), Soto alerta sobre as deficiencias que afectan á infraestrutura e as consecuencias que isto está a ter para as persoas usuarias. Entre as queixas máis frecuentes, o concelleiro mencionou pingueiras na pista polideportiva, accesos cheos de fochancas, armarios rotos nos vestiarios e a mala drenaxe do campo de fútbol, que se anega con facilidade cando chove.

Este problema xa foi levado por Soto ao Pleno do Concello do pasado 13 de marzo, no que presentou unha moción que non só se centrou no polideportivo de Elviña, senón tamén no da Sardiñeira. O concelleiro lembrou que, en outubro de 2022, tras unha reunión coa alcaldesa, o presidente da Xunta anunciou un investimento de 5,5 millóns de euros para o acondicionamento dos polideportivos xestionados pola Xunta na cidade. Sen embargo, esas obras aínda non se realizaron e, debido ao retraso, será necesario volver tramitar as licenzas, o que implicará unha demora maior nas reparacións necesarias.

Trasladan que nos pregos de concesión, especificábase que as obras de acondicionamento e reparación máis urxentes, que tiñan que ser acometidas pola concesionaria, debían realizarse nos tres primeiros anos do contrato, formalizado en outubro de 2022.

Soto concluíu urxindo á Xunta para que cumpra co seu compromiso e mellore as instalacións deportivas da súa competencia, e demandou tamén ao Goberno local que esixa ao Executivo galego o cumprimento das súas obrigas.

⚙ Configurar cookies
0.48987698554993