O BNG da Coruña denuncia o incumprimento dos acordos orzamentarios para mellorar espazos públicos

A concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira, vén de rexistrar unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno Local para reclamar explicacións polo que cualifica de “abandono” de espazos públicos no barrio de Monte Alto. A nacionalista sinala que a situación actual é froito da “desatención e do desleixo do Goberno de Inés Rey”, e lembra que moitas das actuacións necesarias estaban recollidas nos orzamentos de 2024, pactados entre o BNG e o PSOE.
“O Goberno de Inés Rey ten abandonados varios espazos públicos no barrio de Monte Alto que poderían ter moita utilidade para a veciñanza”, afirma Veira, quen lamenta que “esas actuacións programadas nos orzamentos non se cumpriron”. A concelleira insta ao executivo municipal a explicar por que non executou os compromisos adquiridos e se pensa facelo, así como en que prazos.
Entre os puntos destacados polas preguntas figura o proxecto do Parque da Vixía, que pretendía converterse nun pulmón verde de 16.000 metros cadrados no centro de Monte Alto. A iniciativa tiña asignada unha partida de 1,2 millóns de euros para a súa primeira fase, mais, segundo denuncia o BNG, nada se avanzou desde que se presentou a proposta en decembro de 2020.
Outro espazo citado por Veira é a rúa Verea do Polvorín, unha vía que conecta dúas arterias principais do barrio e que, malia estar incluída no orzamento para ser reurbanizada, continúa nun “estado de sucidade preocupante”. A concelleira lembra que este verán mesmo se produciron incendios que afectaron colectores de lixo e un quiosco, sen que os elementos queimados fosen substituídos ata finais de ano.
Tamén se incluía unha partida para adecuar as antigas cocheiras dos Tranvías como aparcadoiro, nunha zona con elevada demanda de estacionamento, pola proximidade á Torre de Hércules e á Cidade Deportiva Arsenio Iglesias. Segundo o BNG, non só non se habilitou o espazo, senón que actualmente é utilizado pola empresa concesionaria Prezero para gardar colectores e camións.
A lista de incumprimentos sinalados pola concelleira inclúe tamén os locais da Bágoa de San Roque, que estaban pendentes de rehabilitación e posterior adxudicación. Malia ser outro dos puntos incluídos nos acordos orzamentarios entre nacionalistas e socialistas, “nin se rehabilitaron nin se adxudicaron”, denuncia.
Avia Veira reclama respostas claras ao Goberno Local sobre cales foron os motivos destes atrasos, se hai vontade de cumprir os compromisos adquiridos e cales son os prazos previstos para que os proxectos pasen finalmente do papel á realidade.