O BNG da Coruña denuncia falta de transparencia no proxecto de vivenda pública en Xuxán

ACoruñaXa
A concelleira nacionalista Avia Veira traslada que os e as cooperativistas descubriron “cláusulas abusivas” nos contratos
Imaxe das concelleiras do BNG, Mercedes Queixas e Avia Veira na rolda de prensa celebrada este martes
28 Jul 2025

O grupo municipal do BNG da Coruña vén de alertar sobre a situación que están a vivir as persoas cooperativistas implicadas no proxecto de construción de 224 vivendas de alugueiro social en Xuxán, impulsado pola Xunta de Galicia a través da adxudicación do dereito de superficie a Galivivenda en catro parcelas públicas.

Segundo denunciou a concelleira nacionalista Avia Veira, os e as cooperativistas descubriron “cláusulas abusivas” nos contratos establecidos pola xestora Galivivenda, con sede en Pozuelo de Alarcón (Madrid), “no caso de non quereren continuar o proxecto con esa xestora”. Ademais, sinalou que se atoparon coa “imposibilidade de se facer cos acordos e actas”, polo que demandan máis transparencia no proceso.

Veira anunciou que o BNG levará o asunto a todas as institucións nas que ten representación: o Pleno do Concello da Coruña, o Parlamento galego, o Congreso dos Deputados e o Parlamento europeo, este último pola “inexecución dunha partida de 10 millóns de euros de fondos europeos” destinados ao proxecto.

A nacionalista tamén alertou sobre a creación por parte de Galivivenda dunha “cooperativa paralela” á orixinal, á que lle foi cedido o solo público. “Nesa cooperativa paralela tomáronse unha serie de decisións que agora pretenden que as e os cooperativistas asuman cegamente. Quen ficar fóra desa cooperativa paralela quedaría sen dereito a vivenda”, explicou.

Desde o BNG denuncian a “pasividade” da Xunta de Galicia fronte ao que cualifican como “trileirismo” por parte de Galivivenda. Lembran que a administración autonómica é a titular do solo –cedido por un período de 50 anos–, foi quen licitou o dereito de superficie e, polo tanto, está obrigada a vixiar o cumprimento dos pregos. “A Xunta ten na man a posibilidade de reverter a adxudicación se se comproba que non se están a satisfacer as condicións”, apuntou Veira.

Ademais, desde o BNG critican que o que a Xunta, naquel momento da man da conselleira Ángeles Vázquez, presentou como un proxecto estrela baseado na colaboración público-privada, está a derivar en alugueiros que superan amplamente os 500 euros prometidos inicialmente, chegando nalgúns casos até os 1.000 euros mensuais. “O salario medio das persoas interesadas nestas vivendas rolda os 1.500 euros, polo que moitas xa decidiron darse de baixa como cooperativistas”, apuntan desde a formación nacionalista.

“Desde logo, o BNG está do lado das e dos cooperativistas e da súa lexítima aspiración a acceder a alugueres estábeis e accesíbeis”, concluíu Veira.

⚙ Configurar cookies
0.17750906944275