O BNG da Coruña denuncia a paralización do Consorcio de Turismo tras máis dun ano sen xerente

O BNG da Coruña traslada que hai máis dun ano que dimitiu, de forma sorpresiva, o último xerente do Consorcio de Turismo, Moisés Naranjo. Naquel momento, o Goberno local anunciara que o proceso para a súa substitución xa estaba preparado. Porén, indica, transcorrido todo este tempo, o nomeamento do novo responsable segue sen materializarse.
Ante esta situación, o concelleiro do BNG, David Soto, vén de presentar dúas preguntas por escrito para esixir explicacións ao Executivo municipal. "Cando se vai nomear unha nova persoa para a xerencia do Consorcio de Turismo?" e "Por que se ten demorado tanto a convocatoria?", son as cuestións que lanza o edil nacionalista.
Soto advirte das consecuencias que esta demora está a ter. "Primeiro, para as e os traballadores do Consorcio de Turismo. Segundo, para a veciñanza da cidade, que se ve privada dunha política de turismo cunha persoa tecnicamente cualificada para o exercicio de funcións fundamentais", sinala.
Un exemplo desta parálise é o impacto no aeroporto de Alvedro. Segundo denunciou o BNG a través de preguntas por escrito, non só non se ampliou o mapa de rutas, senón que apenas se lograron prorrogar catro dos seis contratos subscritos con aeroliñas. Ademais, o propio comité de empresa do aeroporto advertiu que a inacción do Consorcio de Turismo, directamente ligada á ausencia dunha persoa á fronte da xerencia, está a afectar negativamente o rendemento da terminal coruñesa.
"Esta situación é insostible. A cidade non se pode permitir o luxo de ter vacante durante máis dun ano a xerencia do Consorcio de Turismo. Esiximos ao Goberno Local que resolva de vez este asunto", conclúe Soto.