O BNG da Coruña denuncia a falta de persoal no COF de Orillamar e sinala ao Goberno local

ACoruñaXa
O grupo nacionalista insta ao Goberno local a impulsar unha coordinación real coa Xunta para garantir a atención plena
orillamar-bng
7 Apr 2025

O BNG da Coruña volveu poñer o foco na situación do Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, onde, segundo denuncian, continúa sen cubrirse dúas prazas fundamentais: unha de persoal administrativo e outra de psicoloxía. Esta carencia, que xa foi reiteradamente levada ao Pleno pola concelleira nacionalista Mercedes Queixas, está a provocar que non se poidan tramitar citas, segundo indica un cartel colocado na porta do centro, no que se informa de que o teléfono de citas non está operativo “até novo aviso” por “falta de persoal administrativo”.

Para Queixas, esta situación representa “un insulto aos dereitos das mulleres” e acusa ao Goberno Local de non cumprir coas súas obrigas en materia de saúde sexual e reprodutiva. A concelleira lamenta que, malia as denuncias realizadas, o Executivo municipal non dera ningún paso para reparar esta deficiencia, polo que vén de rexistrar un novo paquete de preguntas por escrito.

A nacionalista tamén sinala a falta de coordinación entre o Goberno local e a Xunta, administracións con competencias compartidas sobre o COF. “A razón desta desatención radica na falta de diálogo responsábel entre ambas administracións”, explica Queixas, lembrando que mesmo a Valedora do Pobo instou a ambas partes a garantir os dereitos das mulleres mediante unha colaboración eficaz.

Neste contexto, a concelleira pregunta ao Executivo de Inés Rey “por que non dota as prazas de persoal administrativo e psicoloxía que levan tempo vacantes neste COF e que lle corresponden ao Concello?”. Así mesmo, insta a que, en cumprimento da comunicación da Valedora do Pobo, o Goberno local impulse unha coordinación real coa Xunta para garantir unha atención completa e digna no COF de Orillamar.

⚙ Configurar cookies
0.17218708992004