O BNG da Coruña denuncia a falta de persoal e restricións en Correos

O BNG da Coruña traslada que as oficinas de Correos da cidade presentan un importante déficit de persoal que lles impide prestar o servizo postal de calidade ao que están legalmente obrigadas. Actualmente, entre as distintas oficinas da Coruña, a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos conta con 23 postos de traballo sen cubrir. Ademais, a empresa pública ten como práctica habitual non suplir a falta de persoal derivada de períodos vacacionais, baixas por enfermidade, movementos a outras unidades, contratos de relevo ou xubilacións.
Esta situación, denunciada polo persoal en mobilizacións recentes, levou ao portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, a presentar unha moción no Pleno do vindeiro xoves. A través desta iniciativa, insta o Goberno local a demandar do Estado medidas para solucionar a "infradotación de persoal e de medios técnicos existente nas oficinas de Correos situadas no termo municipal da Coruña".
Un dos exemplos máis claros desta problemática atópase na oficina de Correos da rúa Entrepenas, situada na Agra do Orzán, un dos barrios máis populosos da cidade, con preto de 32.000 habitantes. Esta oficina cobre 22 zonas de reparto, incluíndo Os Rosais, Labañou, Cidade Escolar, Visma, O Ventorrillo, A Silva, San Roque e Cidade Xardín. A pesar desta ampla cobertura, actualmente só traballan nela 17 persoas das 22 necesarias para atender as necesidades de reparto. Ademais, as baixas e vacacións tampouco se cobren, o que agrava a situación, segundo subliña Jorquera.
Segundo indican outro problema engadido é a normativa de acceso de vehículos de reparto a zonas peonís en horas de carga e descarga, que dificulta o cumprimento da lexislación postal. Segundo a normativa, se un destinatario non pode recibir unha notificación oficial pola mañá, o segundo intento de entrega debe realizarse esa mesma tarde. Porén, a prohibición de acceso a estas zonas fai que este precepto legal non se cumpra, poñendo en risco ás propias traballadoras e traballadores de Correos, que mesmo poden ser multados e obrigados a facerse cargo das sancións.
Diante desta situación, Jorquera insta ao Goberno local a adaptar a normativa de acceso dos vehículos de reparto a zonas peonís ás características específicas do servizo de Correos, garantindo así un funcionamento adecuado e evitando prexuízos tanto para o persoal como para a cidadanía.