O BNG da Coruña denuncia a eliminación da zona de carga e descarga dos teatros Colón e Rosalía

O BNG da Coruña sinala que o proxecto de reforma dos Cantóns aprobado polo Goberno de Inés Rey está a xerar polémica debido á eliminación da zona de carga e descarga dos teatros Colón e Rosalía, un servizo esencial para o funcionamento destes equipamentos culturais na cidade. Así o denunciou a concelleira do BNG, Mercedes Queixas, que cualificou a medida como "incomprensible" e subliñou que a súa eliminación podería afectar gravemente a operatividade dos teatros.
Queixas rexistrou un conxunto de preguntas por escrito no que instou ao Goberno Local a rectificar o proxecto e restaurar a zona de carga e descarga na rúa Manuel Casás. Sen este espazo, afirmou a concelleira, "os teatros da cidade non poderían funcionar con normalidade".
"Resulta inexplicable que o Goberno local non detectara este problema durante a fase de elaboración do proxecto. Aínda máis cando as obras xa están en marcha e non se tomaron medidas para corrixir este erro evidente", asegurou Queixas, quen urxiu ao Goberno Local a actuar de forma inmediata.
A concelleira nacionalista pediu á administración municipal que "rectifique canto antes e realice as xestións necesarias para modificar este proxecto, co fin de garantir un servizo público fundamental como é o acceso aos teatros Colón e Rosalía, espazos culturais centrais para a nosa cidade".