O BNG da Coruña demanda un cambio na política cultural para apoiar aos artistas locais e mellorar a xestión cultural
O BNG da Coruña presentará no Pleno municipal do xoves 12 de setembro unha moción que insta ao Goberno Local a reformar a súa política cultural, actualmente centrada en grandes eventos con artistas foráneos, e a dar maior apoio aos creadores locais. A concelleira do BNG, Mercedes Queixas, critica que a atención á cultura local comece o novo curso “suspensa e pendente”.
Queixas destaca que no pasado mes de xullo, múltiples asociacións profesionais e representantes do movemento asociativo local emitiron un comunicado moi crítico, ao que o Goberno Local respondeu “obrigando os colectivos culturais da cidade a reducir os seus orzamentos nun 60%”, sen aplicar esas reducións aos artistas foráneos.
A concelleira tamén denuncia a xestión económica do Instituto Municipal da Cultura e das Artes (IMCE), que deixou facturas pendentes de pagamento de 2023 por 4,1 millóns de euros. Esta situación está afectando negativamente aos creadores locais, que están a sufrir as consecuencias dos problemas económicos do Goberno Local.
A moción do BNG solicita que se cumpran as partidas orzamentarias destinadas a apoiar aos creadores locais e que se impulse o Consello Municipal da Cultura para que dialoguen cos axentes culturais coruñeses, facendo que participen na planificación e programación cultural da cidade.
Ademais, a proposta inclúe a convocatoria das direccións dos espazos culturais vacantes como o Fórum, Ágora, Teatro Colón, e Bibliotecas Municipais, e a execución das obras comprometidas en eses espazos. Tamén se solicita o recoñecemento das salas de concerto e teatro privadas como espazos de interese cultural e turístico e a recuperación do investimento en programación para o público infantil e xuvenil, como o Festival de Monicreques de Nadal e o Festival Manicomios.
A moción busca tamén reverter o enfoque actual do Goberno Local, que se centra en eventos de grandes dimensións e deixar en segundo plano a cultura de proximidade, esencial para a creación de comunidade e o fortalecemento da identidade local.