O BNG da Coruña defende que as vivendas cedidas polo Concello ao IGVS sexan para aluguer

ACoruñaXa
Sinala que a Xunta de Goberno local acordou a cesión de 4 parcelas ao IGVS, sen especificar si serán de alugueiro
Imaxe da Concelleira Avia Veira na rolda de prensa
19 Feb 2025

A concelleira do BNG, Avia Veira, rexistra preguntas por escrito en relación aos acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local o pasado 7 de febreiro en materia de vivenda.

Concretamente, a Xunta de Goberno local, sinala, acordou a cesión de 4 parcelas ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a construción de vivendas de protección autonómica. Non obstante, a edil do BNG sinala que o Goberno local non especifica en ningunha parte que estas vivendas deban ser de alugueiro.

"Nós, desde o BNG, pensamos que é imprescindíbel que as vivendas se oferten en alugueiro porque a Xunta de Galiza do PP, nos últimos dous anos, subiu o prezo de compra das vivendas de protección autonómica nun 40 %, deixando fóra moitas familias, e precisamente aquelas con máis necesidades", afirma Veira.

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno local tamén acordou sacar a concurso varias parcelas municipais en Xuxán para a construción de moradas e a súa explotación en réxime de alugueiro. Unha delas será para vivendas de protección autonómica, mentres que outras dúas serán de alugueiro con renda limitada. No entanto, Avia Veira cuestiona que esa renda limitada se estableza a través dun sistema estatal baseado nos prezos do mercado. "A fórmula debería ser distinta. Debería ser o Concello quen fixase os prezos deses alugueiros", argumenta.

Na súa serie de preguntas, a concelleira quere saber por que nos pregos de condicións "non se recolle como se vai acceder a estas vivendas", nin "quwn poderá solicitarlas", nin "como se vai levar a cabo o propio concurso".

En canto ao proxecto construtivo, o BNG considera que o Goberno local debería ter sido máis esixente. "Por exemplo, debería recoller a inclusión de espazos para bibliotecas dentro dos edificios ou prever que nos seus baixos haxa comercios locais, algo imprescindible nun barrio de nova creación como Xuxán", conclúe Veira.

0.16943788528442