O BNG da Coruña critica o pago de facturas de festas sen control orzamentario

ACoruñaXa
O grupo nacionalista vota no Consello Reitor do IMCE contra o recoñecemento extraxudicial de facturas irregulares
bng-imce
19 Jun 2025

O grupo municipal do BNG na Coruña votou en contra do recoñecemento extraxudicial de créditos aprobado no Consello Reitor do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), que supón asumir no orzamento de 2025 un total de 1.113.390,60 euros en facturas correspondentes ao exercicio de 2024.

Segundo denunciou a concelleira nacionalista Mercedes Queixas, trátase de “máis de un millón de euros de facturas de 2024 pendentes de pagamento, referidas a festas de barrios, ás festas de María Pita, e ao Noroeste Pop Rock”. Un gasto que, segundo o BNG, foi comprometido en moitos casos “sen contratos formalizados por escrito e sen crédito no orzamento daquela altura vixente, o de 2024”.

Queixas cualificou esta práctica de “irregular e irresponsábel” e lembrou que o seu grupo leva tempo denunciando esta situación. “Esta mesma semana anunciamos en conferencia de prensa a petición de comparecencia no Pleno do concelleiro responsábel de Cultura e Turismo para dar conta destas irregularidades”, apuntou.

A diferenza do sucedido en 2024, este ano o recoñecemento extraxudicial non se levará a Pleno, senón que foi aprobado directamente polo Consello Reitor do IMCE, algo que o BNG considera especialmente grave. “Confírmase así aquilo do que alertamos no pleno de febreiro de aprobación inicial dos orzamentos do Concello, cando denunciamos que as contas escondían unhas bases de execución orzamentais que furtaban competencias ao Pleno”, engadiu Queixas.

A edil nacionalista sinalou que permitir que este tipo de recoñecementos sexan aprobados directamente polo Consello Reitor dun ente como o IMCE, e máis cando o Goberno local está en minoría, constitúe “no mínimo, unha anomalía democrática”.

⚙ Configurar cookies
0.16678500175476