O BNG da Coruña leva a pleno o novo modelo de organización das festas nos barrios

ACoruñaXa
Afirman que o modelo obriga ás asociacións veciñais a se converteren en comisións de festexos
Imaxe do concelleiro do BNG, David Soto
3 Feb 2025

O BNG da Coruña abordará no pleno o novo modelo de organización das festas dos barrios. O concelleiro nacionalista, David Soto, dirixirase ao executivo cunha pregunta oral sobre o papel que teñen que xogar as asociacións veciñais na cidade.

“Cal considera o Goberno local que debe ser a función das asociacións veciñais”, inquire o concelleiro nacionalista. Soto fai esta pregunta porque o novo modelo de organización das festas populares dos barrios polo que aposta o Goberno local obriga as asociacións veciñais a se converteren en comisións de festexos, cousa que non son nen deben ser en absoluto.

“Queremos lembrar que as asociacións veciñais son entidades nas que o traballo é voluntario e non remunerado e que, por tanto, dificilmente poden asumir unha elevada carga de tarefas administrativas ás que se verían obrigadas se for adiante este novo modelo de organización das festas”, sinala Soto. Considera que o feito de que o Goberno local obrigue as asociacións veciñais a que asuman elas a organización das festas –“e facelo, ademais, sen diálogo e contra o seu criterio”, critica Soto- é tanto como pór en risco a súa celebración en non poucos barrios da Coruña.

“As festas son un vector de cohesión na cidade e un momento para a veciñanza ter espazos común de celebración. Entendemos e compartimos as críticas das asociacións veciñais. O Goberno local ten que dialogar con elas e non impor un modelo amplamente contestado”, conclúe Soto.

0.1686680316925