O BNG da Coruña critica a imposición da vía telemática para trámites administrativos no Concello

O BNG de A Coruña expresou a súa preocupación pola decisión do Goberno Local de impoñer a vía telemática como a única forma de realizar trámites administrativos no Concello. A formación sinala que a fenda dixital afecta ao 14 % da poboación coruñesa, o que equivale a unhas 32.000 persoas no municipio que carecen de acceso a internet, o que podería supoñer un grave prexuízo para un importante sector social que vería dificultado o exercicio dos seus dereitos diante da Administración local.
David Soto, concelleiro do BNG, levará esta cuestión ao Pleno do vindeiro xoves, onde formulará unha pregunta oral coa seguinte formulación: “Como pensa atallar o Goberno Municipal o problema da fenda dixital na administración local da Coruña?”
A fenda dixital afecta principalmente á xente maior, que a menudo ten dificultades para manexar ferramentas informáticas ou incluso para acceder a elas. "O Goberno Local ten que ser proactivo e adoptar as medidas necesarias para garantir que o 100% da poboación poda realizar trámites ante a Administración e exercer con plenitude os seus dereitos", defendeu Soto.
O concelleiro tamén subliñou que a solución pasaría por garantir que calquera trámite administrativo se poida realizar de forma presencial. Recentemente, explicaba Soto, souberon que as solicitudes de acceso aos centros cívicos só se poden facer de forma telemática, algo que, segundo o BNG, agrava a situación para aquelas persoas que non teñen acceso á internet ou que non saben como usala.