O BNG da Coruña critica a falta de impulso do Goberno local ao aeroporto de Alvedro

O concelleiro do BNG na Coruña, David Soto, acusou ao Goberno local de non facer os seus deberes en materia de política turística e de non impulsar o aeroporto de Alvedro como debería. Soto vén de rexistrar unha serie de preguntas por escrito para esixir explicacións ao Executivo coruñés.
"Xa en outubro dirixímonos ao Goberno local e a súa resposta foi moi insatisfactoria", afirmou o edil nacionalista. Segundo indicou, en 2024 o Concello só logrou prorrogar 4 dos 6 contratos vixentes con compañías aéreas, sen noticias de novas licitacións, a pesar do interese mostrado por empresas do sector.
Soto cualificou de "desleixo" a política turística do Goberno coruñés e puxo como exemplo a falta de nomeamento dun novo xerente no Consorcio de Turismo, cargo que leva vacante desde hai un ano.
O concelleiro tamén cargou contra a Xunta de Galicia, á que acusa de non colaborar no desenvolvemento do aeroporto coruñés. "En Asturias e Cantabria, os gobernos autonómicos financian os seus aeroportos con achegas millonarias: 31 millóns ao de Oviedo desde 2016 e 19 millóns ao de Santander. Aquí, pola contra, a Xunta nin coordina o sistema aeroportuario galego nin inviste un só euro para ampliar o mapa de rutas", denunciou.
Ante esta situación, Soto instou ao Goberno local a abandonar a súa pasividade e adoptar unha postura "decidida e proactiva" para esixir á Xunta que actúe como outros executivos autonómicos. "A cidade non pode permitirse quedar atrás en conectividade aérea, clave para o turismo e a economía local", concluíu.