O BNG da Coruña concorda coa Confraría de Pescadores da Coruña e con Acerga ter en conta as necesidades da pesca
O presidente da Confraría de Pescadores da Coruña, Javier Mariñas, e o secretario da Asociación de Armadores do cerco de Galicia, Alberto Castro, compareceron na Comisión Especial da Fachada Marítima que preside Francisco Jorquera.
“Centraron a súa exposición nas necesidades da pesca, que deben ser contempladas na reordenación dos espazos portuarios e na definición dos usos futuros”, relata Jorquera.
“Concordamos absolutamente con ese enfoque, moi valioso e que, desde logo, debe ser tido en conta á hora de planificar a nova fronte marítima da Coruña”, remarca.
Para o BNG, é crucial que o porto continúe a ser motor económico da cidade e, por suposto, “dentro das actividades produtivas a el asociadas hai que pór en primeiro plano a importancia da pesca”. É por iso que “calquera reordenación dos peiraos”, salienta Jorquera, “debe asegurar non só espazo suficiente para o amarre da frota e os labores de descarga, senón tamén para as actividades de comercialización e loxística, ben como igualmente para o desenvolvemento dos labores de investigación vencellados á recuperación e optimización dos recursos pesqueiros”.
A pesca, alén da súa indiscutíbel importancia económica, “fai parte da nosa identidade e da historia da Coruña”, resaltou Jorquera. “Como expuxo o patrón maior da confraría, un porto en que só haxa navegación deportiva ou recreativa acaba por se converter nun atrezzo, non nun porto vivo”, concluíu.