O BNG da Coruña celebra a creación do Consello Local da Lingua Galega

ACoruñaXa
Unha demanda da formación nacionalista que formaba parte do Acordo de Investidura coa Alcaldía
Mercedes_Queixas
8 Jul 2025

O BNG da Coruña destacou esta semana o avance na creación do Consello Local da Lingua Galega, unha vella demanda da formación nacionalista que formaba parte do Acordo de Investidura coa Alcaldía. Esta aprobación dáse cumprindo o artigo 30 da Ordenanza do Galego, normativa impulsada polo BNG e aprobada polo Pleno en xuño de 2021, aínda que daquela co voto en contra do PP.

Foi a concelleira do BNG, Mercedes Queixas, quen no pleno do pasado mes de xuño denunciou que quedaban pendentes dous aspectos fundamentais da Ordenanza: a posta en marcha do Consello Local da Lingua Galega e a aprobación do Plano de Normalización Lingüística (PNL).

“Celebramos que por fin o Consello Local da Lingua Galega vaia ver a luz. Levábamos moito tempo insistindo moito nesta cuestión”, afirmou o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, en referencia á aprobación da proposta da Alcaldía na Comisión de Economía e Facenda, Planificación Urbana e Administración Xeral, que non precisou paso polo Pleno para aprobarse.

Non obstante, desde o BNG lembran que o PNL segue sen aprobarse, e reclaman que este quede aprobado canto antes para avanzar na normalización do galego no municipio.

Ademais, o BNG valorou tamén a aprobación do proxecto de regulamento do Consello Económico e Social (CES) na Xunta de Goberno Local, que será levado ao Pleno o vindeiro 11 de xullo. A formación nacionalista lembra que a creación do CES é outra vella reivindicación súa, aprobada xa polo Pleno en decembro de 2020, e que forma parte do Acordo de Investidura.

O BNG insiste na importancia destes órganos para impulsar tanto a defensa e promoción da lingua galega como o desenvolvemento económico local, aspectos nos que vixía para garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos polo Goberno municipal.

⚙ Configurar cookies
0.19705891609192