O BNG da Coruña avala o Plan Financeiro tras lograr control orzamentario mensual

O BNG da Coruña deu luz verde ao Plan Financeiro presentado polo Goberno Local da Coruña no Pleno de xuño, logo de obter un compromiso clave: o Executivo municipal deberá presentar mensualmente informes sobre a execución orzamentaria na Comisión de Economía e Facenda.
Segundo informan foi propio voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, quen formalizou este compromiso en resposta a unha petición expresa do portavoz nacionalista, Francisco Jorquera. Segundo se acordou, a dación de contas non será só verbal, senón que “tamén se achegarán informes por escrito”.
A primeira comparecencia con documentación está prevista xa para este mes de xuño, cando o Executivo explicará as transferencias de crédito que afectan aos investimentos e ás subvencións nominativas.
O BNG puxo esta condición como resposta á recente modificación das bases de execución orzamentaria aprobada polo Goberno tras a aprobación dos orzamentos de 2025 mediante unha cuestión de confianza. Esta reforma restou competencias ao Pleno ao permitir que a Xunta de Goberno Local decida unilateralmente sobre transferencias de crédito entre capítulos orzamentarios, algo que antes requiría aprobación plenaria.
Durante o debate, Jorquera explicou que “as contas están feitas de maneira que é moi difícil identificalas ao iren en plans xenéricos”, polo que considera “moi importante conseguir do Goberno Local o compromiso de dar conta mes a mes do grao de execución orzamentaria”. Esa información deberá incluír tanto o destino concreto das partidas como calquera modificación no marco dos investimentos e subvencións nominativas.
Ademais, o portavoz do BNG xustificou o voto favorable da súa formación destacando que a aprobación deste plan é “requisito imprescindíbel para o Concello dispor dunha operación de crédito contemplada nos orzamentos para financiar investimentos”.
“O límite que sempre nos pomos á hora de facer oposición é pór os intereses da cidade, das coruñesas e dos coruñeses, por riba de calquera outra consideración. O BNG nunca practica o filibusterismo”, concluíu Jorquera.