O BNG da Coruña alerta dunha vertedura de augas fecais próxima á praia de San Amaro

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, alertou ao Goberno Local sobre unha vertedura de augas fecais detectada no Paseo Marítimo, á altura das oficinas do cemiterio de Santo Amaro. A situación é especialmente preocupante pola proximidade á praia de Santo Amaro e pola previsión dunha gran afluencia de visitantes aos areais.
Mediante un rogo e unha pregunta por escrito, Jorquera reclamou que “é necesaria a adopción de medidas inmediatas” para garantir “a salubridade das praias e a protección da saúde das persoas bañistas”.
O portavoz nacionalista urxe ao Goberno local a “estudar as causas que provocaron a vertedura” e a que “faga o necesario para que non se volvan producir feitos desta natureza”.
Esta petición pon de manifesto a preocupación do BNG pola contaminación das zonas de baño nun momento clave da tempada estival, no que é fundamental garantir a seguridade e a saúde pública.