O BNG da Coruña advirte que o Goberno local recoñece a titularidade municipal da Estación de Autobuses

ACoruñaXa
A concelleira Avia Veira preguntou sobre os plans para o futuro uso deste espazo cando quede libre coa nova terminal intermodal
Imaxe das concelleiras do BNG, Mercedes Queixas e Avia Veira na rolda de prensa celebrada este martes
23 Jul 2025

O BNG da Coruña vén de trasladar que, segundo resposta do Goberno municipal a unha pregunta formulada pola concelleira nacionalista Avia Veira, a Estación de Autobuses da cidade “é propiedade municipal”, a pesar de que a Xunta de Galicia continúa reclamando a titularidade da infraestrutura.

Veira preguntou por escrito se Concello e Xunta resolveran xa o conflito sobre quen é o titular da estación. Na súa resposta, o Executivo de Inés Rey sinala que “o Concello busca evitar as disputas con outras administracións”, pero deixa claro que “a estación é propiedade municipal”.

A concelleira do BNG tamén inquiriu ao Goberno local sobre os plans que ten para o futuro uso do espazo que quedará libre unha vez os autobuses se trasladen á nova terminal intermodal. Porén, o Concello non achega detalles concretos e limítase a afirmar que “o Goberno Municipal está a traballar no futuro uso da estación de autobuses, unha vez quede libre polo traslado á Intermodal”.

Desde o BNG reclaman máis transparencia sobre os proxectos previstos para este emprazamento estratéxico da cidade e lembran a importancia de que calquera decisión ao respecto sexa acordada co conxunto da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.20592498779297