O BNG da Coruña acusa á Xunta e ao Goberno local do desmantelamento do COF de Orillamar

O Bloque Nacionalista Galego da Coruña denunciou publicamente a existencia dun “acordo tácito” entre a Xunta de Galicia e o Goberno local da Coruña para desmantelar o Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, un servizo que cualificaron como “pioneiro e esencial” para a saúde sexual e reprodutiva das mulleres da área sanitaria da cidade.
Nunha comparecencia diante do propio centro, as concelleiras nacionalistas Avia Veira e Mercedes Queixas —esta última tamén deputada no Parlamento galego— alertaron sobre a grave perda de servizos que está a padecer o COF. “A Xunta leva meses sen cubrir a praza de xinecoloxía, vacante tras a xubilación da súa anterior titular, mentres o Concello non repón prazas clave como as de psicoloxía, persoal administrativo e agora, por se fora pouco, deixa sen cubrir a de traballadora social”, detallou Veira.
Esta é, segundo o BNG, a primeira semana na que o COF queda completamente sen traballadora social. A falta de persoal está a provocar que o centro non poida atender nin sequera as chamadas para solicitar cita, un feito que usuarios xa teñen trasladado á formación nacionalista.
“Non imos permitir que se desmantele un servizo tan necesario para a saúde e a dignidade das mulleres”, advertiu Veira, esixindo ao executivo de Inés Rey que “repoña de inmediato as prazas vacantes”.
Ademais, a concelleira instou ao Goberno local a clarificar cal é o seu modelo de xestión do COF: “Se consideran que debería estar xestionado en exclusiva polo SERGAS, que o negocien politicamente coa Xunta, pero o que non pode pasar é que se deixe morrer o centro por inanición administrativa”.
Pola súa banda, Mercedes Queixas anunciou que levará de novo o asunto ao Parlamento galego, denunciando o que considera “un novo exemplo do abandono sistemático do PP á sanidade pública”. A deputada nacionalista tamén acusou á Xunta de mentir na Cámara cando se lle preguntou pola cobertura da praza de xinecoloxía. “Responderon que a praza fora reposta, o cal é absolutamente falso. Ese é o estilo Rueda: prometer, mentir e recortar”, concluíu.
O BNG reclama a inmediata recuperación do cadro profesional do COF e un compromiso político real coa saúde das mulleres coruñesas.