O BNG da Coruña acusa á Xunta de boicotear a declaración da cidade como zona tensionada

ACoruñaXa
A concelleira Avia Veira denuncia a “falta de sensibilidade” do PP ante a crise habitacional
Imaxe da Concelleira Avia Veira na rolda de prensa
23 Apr 2025

A concelleira do BNG no Concello da Coruña, Avia Veira, acusou esta semana á Xunta de Galicia de estar a boicotear a declaración da cidade como zona tensionada aos efectos da Lei estatal de Vivenda. Segundo Veira, trátase dunha mostra máis da "falta de sensibilidade do PP" ante un problema social que afecta cada vez a máis coruñesas e coruñeses.

"A Coruña é a cidade cos alugueiros máis caros da Galiza e, malia iso, a Xunta pon paus nas rodas para evitar que se active unha medida que axudaría a conter a escalada de prezos", sinalou a concelleira nacionalista. Veira lembra que o Goberno galego do PP recortou máis de 1.800 millóns de euros nos orzamentos de vivenda nos últimos anos e alerta de que a crise habitacional está lonxe de ser unha prioridade para o executivo de Rueda.

A edil do BNG tamén criticou o aumento de ata un 40 % nos prezos da vivenda de protección oficial en réxime de compravenda e salientou que Galiza é “onde menos vivenda pública se está a construír en Europa”.

“O PP non só non fai nada para resolver o problema, senón que se esforza en impedir que outras administracións poidan aplicar medidas eficaces contra a suba dos prezos”, engadiu.

Ante esta situación, o BNG levará o tema ao Parlamento de Galicia, onde pedirá explicacións á Xunta. Avia Veira tamén instou á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a “facer política” e a “esixir con máis enerxía” que a Xunta recoñeza A Coruña como zona tensionada.

“Se hai que completar algunha información, que se faga, mais o importante é que a alcaldesa deixe de contemporizar co PP e exixa que a Xunta abandone a súa actitude obstrucionista”, concluíu Veira.

 

⚙ Configurar cookies
0.16057801246643