O BNG cuestiona ao Concello por non pedir axudas da Deputación para mellorar o servizo de normalización lingüística
A concelleira do BNG na Coruña Mercedes Queixas dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno Local para saber por que, a diferenza de anos anteriores, non se presentou ás subvencións convocadas pola Deputación para reforzar o servizo de normalización lingüística do Concello.
Este servizo dispón neste momento dunha técnica e unha administrativa e, por tanto, o seu cadro de persoal precisa se reforzado.
“Sorprende a ausencia do Concello na listaxe de adxudicatarios das subvencións. Supón a redución do persoal do servizo vinculado a esta axuda”, afirma a concelleira nacionalista. “O Goberno Local si que se presentara a anteriores convocatorias destas axudas, o que fai máis difícil de entender a súa non concorrencia nesta ocasión”, engade.
Queixas entende que non dispor desa subvención debilita o Servizo de Normalización Lingüística e, colateralmente, prexudica o correcto desenvolvemento da Ordenanza Municipal da Lingua Galega.
Ao carecer desa vía de financiamento, Queixas inquire o Goberno Local se vai destinar “recursos orzamentarios propios” do Concello para reforzar o servizo de normalización lingüística.