O BNG cuestiona a tala de árbores na Cidade Xardín e propón alternativas

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicitou información ao Goberno Local sobre a tala de árbores prevista na Cidade Xardín, especialmente na contorna dos hospitais HM Modelo e HM Belén. O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, presentou unha serie de preguntas por escrito para coñecer os detalles desta decisión e as posibles alternativas que se estudaron antes de optar pola eliminación dos exemplares.
Segundo o Goberno Local, a medida xustifícase polo levantamento do pavimento das beirarrúas causado polas raíces, o que dificulta o tránsito peonil. Con todo, Jorquera cuestiona se se avaliaron outras solucións, como a reforma ou ampliación dos alcorques, ou mesmo a posibilidade de trasladar as árbores a outras zonas da cidade en lugar de eliminalas definitivamente.
Desde o BNG propoñen un cambio progresivo no deseño urbano, apostando por crear medianas arboradas no canto de situar as árbores nas beirarrúas. Jorquera destaca o papel fundamental da vexetación na cidade, tanto polo seu valor estético como polos seus beneficios ambientais. "As árbores non só proporcionan sombra e embelecen a urbe, senón que tamén axudan a combater o cambio climático, absorbendo CO₂ e mitigando os efectos das ondas de calor, reducindo as denominadas 'illas de calor' provocadas polo asfalto e as emisións dos vehículos", explica.
O BNG insiste na necesidade de buscar alternativas sustentables antes de proceder a calquera tala, co obxectivo de preservar o patrimonio verde da cidade e garantir un urbanismo máis respectuoso co medio ambiente.