O BNG critica que os orzamentos da Xunta non atenden as necesidades históricas das Mariñas

O BNG acusou ao PP na Xunta de Galicia de non cumprir os compromisos adquiridos cos concellos da comarca das Mariñas e de presentar unhas contas que, ao seu xuízo, non dan resposta ás demandas máis urxentes do territorio. O responsábel comarcal do BNG, Alberte G. Nicolás, cualificou os orzamentos como 'continuístas' e asegurou que non resolven 'problemas históricos' da zona nin cobren 'as necesidades das nosas veciñas e veciños'.
Segundo o BNG, o proxecto orzamentario destina partidas moi limitadas na comarca e concéntraas en concellos concretos como Abegondo e Oza-Cesuras, mentres outros municipios quedan sen investimento directo. As nacionalistas acusan ao PP de facer 'electoralismo con cartos públicos', priorizando peticións de concellos da súa cor política fronte ás necesidades xerais da poboación.
Entre as demandas que o BNG considera desatendidas está o saneamento integral da ría de Betanzos. A deputada Mercedes Queixas lamentou que non se inclúa unha partida para unha depuradora en Paderne, que o Bloque cualifica de infraestrutura imprescindible para mellorar a calidade da auga da ría. Tamén sinala que segue sen concretarse un plan para recuperación ambiental desta zona costeira.
Outro bloque de críticas céntrase nos servizos sociais e de coidados. O BNG advirte de que a comarca continúa sen centro de día público nin residencia xeriátrica pública, a pesar de teren sido reivindicacións reiteradas. A formación lembra que propuxo a rehabilitación do antigo ambulatorio de Betanzos como equipamento sociosanitario comarcal.
No ámbito educativo, o Bloque denuncia que non hai dotación orzamentaria para melloras no CPI Castro Baxoi de Miño nin para o proxecto dun novo IES no propio concello, actuacións que —lembra— foran anunciadas pola Xunta. Tamén critica a ausencia de partidas específicas para Betanzos, incluíndo a recuperación do Pasatempo e o casco histórico, e para Bergondo, onde reclaman solucións en materia de depuración industrial no polígono e a posta en valor do antigo edificio do LIGAL como centro de transformación agraria e viveiro de empresas.