O BNG critica no Parlamento a liña de alta tensión Bustelo-Meirama, que atravesará Ordes e Carral

O Bloque Nacionalista Galego vén de levar ao Parlamento unha iniciativa para reclamar a paralización e revisión do proxecto da liña de alta tensión Bustelo-Meirama, unha infraestrutura de 220 kV que afecta a varios concellos da provincia da Coruña, entre eles Ordes e Carral. A través dunha proposición non de lei presentada na Comisión 6ª, o deputado Daniel Pérez López alertou das consecuencias ambientais, sociais e técnicas que implicaría esta actuación.
A liña, actualmente en período de exposición pública, está proxectada para percorrer 38,5 quilómetros, con 98 apoios que cruzarán sete municipios: Cabana de Bergantiños, Coristanco, Carballo, A Laracha, Cerceda, Ordes e Carral. O BNG denuncia que o trazado se achega a menos de 100 metros de vivendas e núcleos rurais como Gontade ou Quintáns, e que carece de estudos sanitarios sobre o impacto dos campos electromagnéticos e o ruído, como recomenda a Organización Mundial da Saúde.
Ademais, a formación nacionalista critica que o proxecto non contemple alternativas como o aproveitamento de liñas xa existentes ou o soterramento do cableado, o que contribuiría a reducir o impacto visual e ambiental. Tamén se sinala que a infraestrutura afectará espazos protexidos e limitará usos en terreos agrícolas e forestais, así como a proximidade a centros educativos, como ocorre en Carballo.
A pesar destas advertencias, o PP votou en contra da proposta, o que para o BNG reflicte unha falta de atención ás preocupacións veciñais e aos informes técnicos que cuestionan a legalidade e viabilidade do proxecto.
Desde o Bloque aseguran que seguirán traballando tanto nas institucións como nas rúas para paralizar unha iniciativa que consideran “insostible, innecesaria e deseñada de costas á realidade territorial”. Tamén lembran que o parque eólico de Baralláns, ao que estaría vinculada esta liña, está actualmente suspendido por orde xudicial, polo que reclaman a aplicación do principio de precaución.