O BNG critica a inacción da Xunta ante o mal estado da estrada AC-161 en Bergondo

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar a “falta de axilidade” da Xunta de Galiza ante o progresivo deterioro da estrada AC-161 ao seu paso por Bergondo, unha vía de alta intensidade de tráfico que conecta este municipio cos concellos veciños de Sada e Betanzos.
A formación nacionalista lamenta a resposta do Goberno galego a unha iniciativa parlamentaria presentada pola deputada do BNG, Mercedes Queixas, na que o executivo autonómico se limita a recoñecer que existen “problemas no firme pola presenza de acometidas de saneamento e pluviais”, e engade que “se está a traballar co Concello de Bergondo”. Porén, non se concreta ningunha actuación nin se ofrece un calendario de execución.
Para o portavoz do BNG en Bergondo, David Carro, a situación é grave e require dunha resposta inmediata. “A situación desta estrada é cada vez máis insostíbel: o firme atópase moi deteriorado, a sinalización é deficiente —especialmente nos pasos de peóns— e a velocidade excesiva de moitos vehículos supón un risco constante, sobre todo nos tramos de baixada”, advertiu. Carro tamén criticou a inacción da administración autonómica: “A Xunta de Galiza leva anos sen actuar e a veciñanza está farta de agardar”.
Mercedes Queixas, pola súa banda, lembrou que “a responsabilidade do mantemento da AC-161 é da Xunta, e non pode escudarse en problemas técnicos ou coordinacións co goberno municipal para evitar adiantar prazos poñéndose de perfil ante este problema”. A deputada nacionalista alertou das múltiples deficiencias da estrada en materia de seguridade viaria, tanto para vehículos como para peóns.
“Desde o BNG seguiremos a presentar iniciativas para esixir solucións urxentes e lembrar á Xunta que Bergondo tamén existe e merece infraestruturas dignas e seguras”, concluíu Queixas.