O BNG centra nas sendas, o transporte e a comunidade enerxética as súas achegas aos orzamentos de 2026 en Bergondo

ACoruñaXa
David Carro aposta por implantar unha liña de transporte interparroquial e completar unha rede de sendas peonís, ademais de impulsar a comunidade enerxética local e executar acordos pendentes como o servizo de xantar na casa
BNG Bergondo
9 Nov 2025

O BNG de Bergondo presentou as súas propostas para os orzamentos municipais de 2026 cun foco principal na mellora da mobilidade. O portavoz municipal, David Carro, salientou que o eixo central é completar unha rede de sendas peonís en todas as parroquias, enlazando as xa planificadas coas que están en execución. Xunto a iso, o grupo nacionalista propón a implantación dunha liña de transporte interparroquial ou, de non ser posible, aplicar alternativas recollidas pola redactora do PMUS.

Outra peza destacada é a creación dunha comunidade enerxética local. Segundo explicou Carro, o Goberno local leva máis dun ano traballando nesta iniciativa, mais non houbo avances coñecidos, polo que instan a acelerar os prazos para que Bergondo non quede atrás respecto doutros concellos.

O BNG incorpora tamén compromisos aprobados en pleno e aínda sen executar, como o servizo de xantar na casa, a promoción e posta en valor do sector da panadaría e pastelaría locais, ou a construción dunha piscina e dun ximnasio municipais.

No capítulo de equipamentos e espazo público, o grupo volve reclamar a adquisición de terreos para dotacións, a renovación da praza e do contorno do centro de saúde de Guísamo, a baixada do custo do comedor das escolas unitarias e acordos para crear aparcamentos na Senra e en Guísamo, aos que engaden O Pedrido. Tamén propoñen un local para o club de remo e outras asociacións no Pedrido, a implantación de pictogramas de sinalización visual nos edificios municipais para persoas con diversidade funcional e unha partida específica para o polígono industrial.

En materia económica, o BNG suxire que o Concello asuma algún baleirado de fosas sépticas nas vivendas sen conexión ao saneamento e que se modifique o ICIO para bonificar a restauración de vivendas, co obxectivo de contribuír desde o ámbito local a dar resposta á problemática habitacional.

Entre outras actuacións, os nacionalistas piden a mellora dos locais sociais de Vixoi, Cortiñán e Fiobre, a construción dun pumptrack, a adaptación dos parques infantís pendentes, a renovación das polideportivas de Cortiñán e Bergondiño, a creación dun observatorio de aves no Xuncal, o saneamento na Fraga (Cortiñán) e a finalización do de Rois, así como habilitar a unitaria de Cortiñán como vivenda de emerxencia social.

⚙ Configurar cookies
0.070189952850342