O BNG celebrou en Irixoa un encontro para coñecer a situación dos sectores produtivos da comarca
O BNG celebrou o xoves pola tarde unha mesa redonda que atendeu a situación dos sectores produtivos na comarca, buscando poñer enriba da mesa alternativas para o agro.
A conversa estivo moderada por Sergio Boado, concelleiro do BNG en Irixoa e participaron nela o actual deputado do partido no Parlamento de Galiza, 'Mini' Rivas, xunto a 'Tonecho' Meixide e 'Charli' Rodríguez, técnicos recoñecidos no sector primario, xunto cunha nutrida representación dos sectores produtivos da comarca das Mariñas.
Nesta mesa redonda o BNG ten abordado a vida no rural os problemas máis habituais, seguido das propostas nacionalistas para revitalizar a economía do rural e os sectores produtivos. “Trátase de falar das nosas experiencias sobre a situación do sector primario na comarca e unha análise conxunta das súas necesidades. É unha oportunidade para pór en común alternativas para o agro, pensadas por quen cre de verdade nas nosas aldeas”, explicou o portavoz do BNG, Sergio Boado. “O encontro deste xoves foi, ademais, unha oportunidade máis para pór en común alternativas para o agro, como unha oportunidade de futuro”, engadiu.
O deputado nacionalista, 'Mini' Rivas explicou as iniciativas que o BNG trasladou ao Parlamento nos últimos anos, e 'Tonecho' Meixide falou das propostas para innovación e investigación no ámbito dos sectores produtivos e 'Charli' Rodríguez, do papel doutras administracións como as deputacións á hora de dinamizar o rural e os sectores produtivos do territorio galego