O BNG avalará no Pleno o convenio das Xubias tras garantir a súa integración na modificación do PXOM

ACoruñaXa
O grupo municipal nacionalista tamén reivindica o seu papel no impulso do chamado convenio das Adoratrices
Imaxe da Concelleira Avia Veira na rolda de prensa
29 Jul 2025

O BNG da Coruña anunciou importantes avances na ordenación urbanística da cidade, froito das súas esixencias ao Goberno local. Entre eles, destaca a incorporación do ámbito das Xubias á modificación puntual do PXOM, que será debatida no Pleno deste xoves.

A formación nacionalista destaca que, a diferenza da primeira versión do convenio aprobada pola Xunta de Goberno Local o 30 de xullo de 2024, o novo texto garante unha planificación integral do litoral coruñés. “Puxémonos firmes e non admitimos unha ordenación por anacos. A actualización do convenio garante agora que todo o bordo litoral vai ter a mesma ordenación, sen excluír ningunha parcela”, subliñou a concelleira Avia Veira.

O acordo, que afecta ao convenio co fondo Ginkgo Advisor, supón para o BNG un paso clave para protexer o patrimonio e asegurar un desenvolvemento urbanístico equilibrado. “Celebramos que grazas á nosa contribución vaiamos ter unha ordenación conxunta baixo un mesmo paraugas, con máis vivenda e equipamentos públicos, máis zonas verdes, áreas de paseo, e por suposto con respecto aos valores patrimoniais do núcleo mariñeiro das Xubias de Abaixo”, engadiu Veira, quen tamén valorou “como moi positivo que se vaian preservar os camiños de ferro que atravesan o ámbito”.

O BNG tamén reivindica o seu papel no impulso do chamado convenio das Adoratrices, outro dos puntos que se tratarán no Pleno. Segundo explicou Veira, o Goberno Local só puido levalo á sesión “porque desde o BNG lle esiximos avances na apertura á veciñanza dos xardíns do Observatorio da AEMET”.

A nacionalista advertiu que se trataba dunha promesa electoral da alcaldesa Inés Rey que “tería marchado co vento se non fose pola insistencia do BNG e da veciñanza do barrio, personalizada pola súa asociación veciñal”.

Neste sentido, Avia Veira avanzou que o Bloque continuará traballando para garantir que ese espazo se converta nun gran pulmón verde na cidade: “Continuaremos a traballar para acadarmos a mellor zona verde que poida ter a Agra do Orzán, o barrio máis densamente poboado de Europa, actualmente con cero metros cadrados de zonas verdes”.

⚙ Configurar cookies
0.21011209487915