O BNG alerta das perigosas verteduras de graneis na AC-10 e pide ao Goberno Local que actúe

ACoruñaXa
Na rotonda de Oza e no tramo comprendido entre esta rotonda e o nó de Casabranca e o túnel de Eirís
bng-coru-graneis
22 May 2025

O BNG da Coruña vén de trasladar ao Goberno local unha nova advertencia sobre os problemas de seguridade viaria derivados das frecuentes verteduras de graneis na estrada do porto, especialmente na contorna da rotonda de Oza e no tramo da AC-10 comprendido entre esta rotonda e o nó de Casabranca e o túnel de Eirís.

A través dun rogo oral que será presentado no Pleno municipal de xuño, o portavoz nacionalista Francisco Jorquera alerta sobre o perigo que estas verteduras supoñen para a seguridade das persoas usuarias da vía, nomeadamente para ciclistas e motoristas, que ven incrementado o risco de accidente debido á presenza destes materiais na calzada.

Segundo explica Jorquera, a orixe do problema está no elevado tránsito de camións que acceden ou saen do porto coruñés transportando graneis, en moitos casos con exceso de carga ou sen unha cubrición axeitada, o que provoca que parte da mercancía acabe esparexida na estrada.

Diante desta situación, o BNG reclama ao Goberno local que tome a iniciativa e realice as xestións necesarias ante as administracións responsables da infraestrutura, nomeadamente a Autoridade Portuaria e o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel —titular da AC-10—, co obxectivo de poñer fin a esta problemática.

A formación nacionalista considera urxente actuar para garantir unhas condicións mínimas de seguridade nesta vía estratéxica para o tráfico metropolitano e portuario, e insiste na importancia dunha coordinación eficaz entre administracións para evitar que se repitan este tipo de incidentes.

⚙ Configurar cookies
0.16096496582031