O BNG advirte da entrada de auga de chuvia no CEIP Wenceslao Fernández Flórez e reclama actuacións urxentes

ACoruñaXa
A concelleira Mercedes Queixas rexistra preguntas ao Goberno local para que interveña no mantemento do centro e evite unha situación que afecta o normal desenvolvemento das aulas
A CORUÑA Wenceslao Fernández Flórez
2 Feb 2026

A concelleira do BNG no Concello da Coruña, Mercedes Queixas, presentou un conxunto de preguntas por escrito para poñer en coñecemento do Goberno local a persistente entrada de auga de chuvia nas instalacións do CEIP Wenceslao Fernández Flórez e esixir medidas inmediatas para poñerlle fin.

Segundo trasladou a ANPA do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, esta problemática está a interferir no funcionamento cotián das aulas e a dificultar o labor docente. Nos días de choiva, a presenza de caldeiros nos corredores e nas clases convértese nun obstáculo para alumnado e profesorado, chegando mesmo a rexistrarse episodios de asolagamentos nalgunhas dependencias.

A edil nacionalista lembrou que xa promoveu iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta de Galicia a incluír nos orzamentos de 2026 unha partida destinada á planificación de obras de reforma que eviten as filtracións. Porén, subliña que o Concello da Coruña, como administración con competencias no mantemento básico dos centros públicos, debe actuar con dilixencia para garantir que o colexio sexa un espazo seguro, confortábel e axeitado para a comunidade educativa.

Entre as cuestións formuladas, Queixas solicita saber se o Goberno local é coñecedor da situación actual do centro, que actuacións de mantemento se levaron a cabo nos últimos seis anos e se se trasladou formalmente á Xunta o deficiente estado do edificio. Tamén pregunta se existe algún compromiso da Administración autonómica para solucionar as filtracións a través das fachadas e do tellado.

Na súa exposición de motivos, a concelleira detalla outras consecuencias derivadas da humidade, como o apodrecemento de elementos de madeira, a aparición de fendas nas paredes e o desprendemento de pintura dos teitos, danos que evidencian, ao seu xuízo, a necesidade dunha intervención integral.

⚙ Configurar cookies
0.078726053237915