O BNG acusa ao Goberno de Inés Rey de falta de diálogo e de carecer dun proxecto claro

ACoruñaXa
O grupo nacionalista fixo un balance crítico dos dous anos de mandato do Goberno liderado por Inés Rey
bng-corunha-balance
28 May 2025

O BNG da Coruña fixo un balance crítico dos dous anos de mandato do Goberno que lidera a alcaldesa Inés Rey, coincidindo co segundo aniversario das eleccións municipais de 2023. A formación nacionalista, a través do seu portavoz municipal, Francisco Jorquera, denunciou o que cualifica como “inxustificada autocompracencia” por parte do executivo socialista e advertiu da ausencia de “proxecto ambicioso e de liderado real” tanto para a cidade como para a comarca.

Durante a súa intervención, Jorquera puxo o foco na que considera unha das principais eivas do mandato: a falta de humildade e de diálogo. Segundo o portavoz do BNG, o PSOE interpretou erroneamente os resultados electorais ao comportarse como se tivese maioría absoluta, a pesar de ter perdido votos respecto ao 2019 e necesitar do apoio nacionalista para formar goberno. “O mínimo que se pode esixir é que se cumpra o pactado”, lembrou.

O nacionalista tamén criticou que a falta de diálogo non afecta só aos grupos da corporación, senón tamén ao tecido social, co que asegura que o Goberno local mantén unha relación distante. “A ausencia de orzamentos participativos ou a parálise dos consellos de participación cidadá son exemplos claros dese illamento institucional”, apuntou.

En canto á xestión, o BNG denuncia lentitude, ineficiencia e descoordinación dentro dun executivo “hiperconcentrado en poucas mans”. Isto, afirman, tradúcese en servizos básicos en precario, contratos caducados e deficiencias evidentes na limpeza e mantemento urbano.

Jorquera tamén cuestionou as prioridades políticas de Inés Rey, acusando ao Goberno municipal de apostar por grandes eventos e infraestruturas sen atender ás necesidades reais dos barrios ou ao deterioro de espazos culturais como o Pazo da Ópera ou o Teatro Rosalía. Neste sentido, tamén criticou que mentres se desatienden os problemas de infrafinanciamento da UDC, se promocionen iniciativas vinculadas a universidades privadas.

Sobre a anunciada reforma do estadio de Riazor, o portavoz nacionalista expresou preocupación polas incógnitas existentes: “Non se sabe canto vai custar, como se financiará nin cal será o papel dun posible operador privado”. Jorquera preguntouse se esa concesión se decidirá mediante un concurso público ou “a dedo”.

Pese a todo, o BNG reiterou a súa vontade de diálogo. “As coruñesas e os coruñeses déronnos un papel clave no Concello e nós estamos dispostos a exercer a nosa responsabilidade, desde a oposición, fiscalizando e propoñendo”, concluíu Jorquera, quen deixou claro que a disposición do Bloque para cooperar existe, sempre que se basee no respecto mutuo e no cumprimento dos acordos.

⚙ Configurar cookies
0.068660020828247