O BNG acusa ao Estado e á Xunta de abandonar ás mariscadoras da Ría do Burgo

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a situación de “inxustiza e abandono” que sofren as mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo, que levan desde abril de 2024 sen recibir compensación económica ningunha, a pesar de non poder retomar a súa actividade profesional.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reuniuse co colectivo afectado xunto ao portavoz do Bloque no Concello da Coruña, Francisco Jorquera; a deputada no Parlamento galego, Iria Taibo; e o concelleiro nacionalista en Culleredo, Xabier Fernández. Na xuntanza, denunciaron a parálise das administracións e a súa incapacidade para garantir os dereitos dun sector estratéxico para a comarca.
“O tempo das escusas xa pasou”, advertiu Rego, que esixiu ao Goberno do Estado o pagamento inmediato das compensacións con carácter retroactivo desde abril do pasado ano. Lembrou que durante as obras de dragaxe da ría —impulsadas grazas ao Acordo de Investidura asinado polo BNG—, si se fixeron efectivos estes pagos, e acusa agora tanto ao Executivo estatal como á Xunta de “botarse as culpas mutuamente para evitar cumprir co seu deber”.
A preocupación pola rexeneración mal executada
Durante o encontro, a confraría do Burgo expresou tamén a súa preocupación pola falta de cumprimento de varios compromisos relativos á rexeneración da ría. Entre eles, o impacto das obras no banco do Carniceiro e a ausencia de semente de ameixa fina, especie autóctona e de maior valor económico, que estaba prevista para repoboación.
Ademais, lembraron a necesidade de habilitar un punto de control e pesaxe no antigo parque de CUMAGA, tal como se comprometera o anterior xefe da Demarcación de Costas en Galiza, Rafael Eimil, para garantir as condicións necesarias cando se retome a actividade marisqueira.
Críticas á visita institucional sen diálogo co sector
O BNG tamén criticou con dureza a recente visita do Secretario de Estado de Medio Ambiente aos concellos de Arteixo e Culleredo, onde anunciou novas actuacións, pero evitou reunirse coa confraría afectada. “É un insulto a quen leva máis dun ano sen poder traballar e unha mostra clarísima do desprezo cara ao sector marisqueiro”, censurou Rego.
Os nacionalistas tamén denunciaron a ausencia constante do Goberno estatal na Mesa de Negociación da Ría do Burgo, “un espazo esencial para atopar solucións” e que consideran ignorado de forma deliberada.
Desde o BNG, reiteran o seu apoio firme ao colectivo marisqueiro e comprométense a seguir defendendo os seus dereitos diante das institucións. “Se o Goberno non actúa, estará escollendo abandonar ao sector e ser cómplice directo da súa precarización. Desde o BNG non o imos permitir”, concluíu Néstor Rego.