O BNG acusa á Xunta de abandonar a mocidade universitaria na crise da vivenda na Coruña

O Bloque Nacionalista Galego cargou hoxe contra a Xunta de Galiza por “mirar para outro lado” ante a grave crise de acceso á vivenda que padece a mocidade universitaria na cidade da Coruña. A deputada coruñesa do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas Zas, cualificou a situación de “límite” e acusou ao goberno do PP de manter unha política “socialmente inxusta e excluínte”.
Na súa intervención na Comisión de Ordenación Territorial, Queixas alertou de que preto do 39 % do alumnado da Universidade da Coruña necesita aloxamento durante o curso académico, mais a Xunta só ofrece 110 prazas na residencia pública Elvira Bao, impulsada polo propio BNG en 2018. “Non hai oferta pública suficiente, os prezos están polas nubes e as residencias públicas son claramente insuficientes. Estamos expulsando á mocidade do dereito a estudar”, denunciou.
A nacionalista tamén puxo sobre a mesa cifras que, di, “desenmascaran a propaganda do PP”: máis de 20.000 vivendas baleiras na cidade e 3.517 persoas inscritas no Rexistro do Instituto Galego de Vivenda e Solo, das que 2.887 agardan por unha vivenda de promoción pública.
Queixas acusou ao PP de recortar máis de 1.800 millóns de euros en políticas de vivenda desde 2009 e lembrou que en todo este tempo a Xunta só construíu 40 vivendas en alugueiro en Xuxán. Tamén cualificou de “fracaso estrepitoso” o Plan Rexurbe, que apenas adquiriu dous inmobles sen rehabilitar, e denunciou o boicot do Goberno galego á declaración de mercado tensionado solicitada polo Concello da Coruña.
Fronte a este panorama, o BNG propón a creación dunha bolsa de vivenda pública para estudantes mediante a compra, rehabilitación e construción de inmobles, así como a ampliación das residencias públicas aproveitando infraestruturas existentes ou terreos propiedade da Xunta. Tamén defende reservar vivendas en solares cedidos polo Concello para o alugueiro a prezos asequíbeis para estudantes.
"Como se explica ter matrícula gratuíta e non ter onde vivir?", preguntou Queixas, denunciando que “esta política está roubándolle o futuro á nosa mocidade”.
O Bloque esixe á Xunta que asuma as súas competencias en materia de vivenda e actúe de forma inmediata, especialmente en zonas como Xuxán, preto do campus de Elviña, onde aseguran que hai recursos e espazo suficiente para actuar con urxencia. “A vivenda non pode seguir sendo un luxo para estudantes, senón un dereito garantido”, concluíu.