O BNG abre nas redes unha canle para recoller propostas de mellora de BiciCoruña

ACoruñaXa
A concelleira Avia Veira anuncia unha moción para o Pleno do 12 de febreiro e chama á veciñanza a trasladar queixas e suxestións sobre a falta de bicis, a saturación de estacións ou o mantemento
A CORUÑA bng bicicoruña
26 Jan 2026

O BNG da Coruña iniciou unha recollida de achegas a través das súas redes sociais para elaborar un paquete de medidas coas que mellorar BiciCoruña e levalas ao Pleno municipal de febreiro. A iniciativa, difundida por medio dun vídeo, forma parte dunha moción que prepara a concelleira Avia Veira, responsable de mobilidade no grupo municipal.

A formación nacionalista sostén que o servizo 'funciona' e contribúe a unha mobilidade máis saudable e sustentábel, pero considera que precisa un novo impulso para responder ao incremento de persoas usuarias e ás incidencias que, segundo apuntan, lles trasladan cada vez con máis frecuencia. Entre os problemas máis repetidos mencionan a falta de bicicletas en horas punta, bases que se enchen e quedan sen ancoraxes libres, barrios aínda sen cobertura e cuestións relacionadas co mantemento.

O debate prodúcese nun momento no que o sistema municipal segue medrando. Na web do Concello, BiciCoruña figura con 49 estacións operativas, 393 bicicletas dispoñibles e máis de 14.000 usuarios activos; ademais, A Coruña conta con máis de 45 quilómetros de carrís bici.

O Concello vén anunciando novas fases de expansión e reforzo da rede, con bases activadas e outras instaladas en distintas zonas da cidade ao longo dos últimos meses. Nese contexto, o BNG busca 'xuntar as opinións das coruñesas e coruñeses' para que, ao seu xuízo, o Goberno local tome nota das carencias e 'reaccione' con melloras concretas.

⚙ Configurar cookies
0.078427791595459