O Bloque volve levar ao Parlamento a urxencia de sementar marisco na ría do Burgo

ACoruñaXa
A deputada Iria Taibo rexistra novas iniciativas para que a Xunta asuma a recuperación produtiva e poña solucións pendentes como un punto de control estable para o sector
CULLEREDO ria do burgo
26 Feb 2026

O BNG volverá esixir no Parlamento galego que o Goberno autonómico se implique de maneira directa na recuperación do marisqueo na ría do Burgo, un espazo no que a actividade continúa baixo mínimos e no que o sector reclama medidas urxentes para garantir a súa continuidade. A deputada nacionalista Iria Taibo rexistrou novas iniciativas como seguimento dun acordo parlamentario co que se instaba a actuar para protexer esta actividade.

Segundo trasladou o Bloque, na ría permanecen en activo menos de 50 mariscadores e mariscadoras e a situación segue sen estabilizarse tras o parón asociado ás obras de dragaxe. A previsión do propio proxecto era que, despois da semente realizada ao remate dos traballos, o marisco precisaría entre 18 e 24 meses para acadar o talle comercial, mais o produto extraído non está a dar, por cantidade nin por tamaño, para soster a campaña con garantías.

A formación nacionalista insiste en que, ao tratarse dunha obra promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o Estado debería asumir responsabilidades polos problemas detectados na execución e, especialmente, na semente. Entre as eivas sinaladas figura que non se tería respectado o equilibrio de especies previsto e que a ameixa fina, a máis valorada e propia da ría, foi a que menos presenza tivo, o que compromete a recuperación da produtividade a longo prazo.

O BNG advirte de que o ministerio dá por pechado o seu papel coa finalización das obras e reclama que a Xunta, que ten as competencias en marisqueo, non agarde a que se dilúan responsabilidades entre administracións. Para o Bloque, a semente debe executarse nos vindeiros meses, ao inicio da primavera, se se quere chegar con opcións reais á campaña de Nadal.

A maiores, o sector continúa sen un punto de control definitivo, unha infraestrutura considerada clave para normalizar o día a día do marisqueo: pesar o produto, dispoñer de vestiarios e aseos, e contar cun espazo de oficina e arquivo. A solución actual é provisional e as negociacións seguen abertas para atopar unha alternativa que dea estabilidade e facilite tanto a venda como a incorporación de novas persoas á actividade.

0.11656904220581