O Birloque acolle a primeira sesión formativa para previr incendios no fogar

O Concello da Coruña e a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana (FAVA) deron comezo este xoves a un programa de formación en prevención de incendios domésticos. A sesión inaugural desenvolveuse no Centro Cívico do Birloque e contou coa presenza da concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, quen salientou que 'desde o Goberno de Inés Rey queremos que a veciñanza dispoña de ferramentas e información útil para responder ante calquera incidencia no fogar, apoiándonos no labor didáctico de especialistas'.
Durante o encontro, persoal técnico de Seguridade Cidadá expuxo pautas de prevención nas vivendas, desde hábitos seguros no uso de cociñas e aparellos eléctricos ata a correcta instalación e mantemento de detectores, e explicou como actuar de maneira axeitada ante unha emerxencia. A presentación incluíu material audiovisual e un tempo de coloquio para resolver dúbidas das persoas asistentes.
O calendario continuará o mércores 19 de novembro, ás 18.30 horas, no Centro Cívico dos Mallos; e o venres 12 de decembro, tamén ás 18.30 horas, no Centro Cívico de San Diego.