O Belén Municipal da Coruña incorpo este ano unha figura dedicada ao músico Xoel López

O Concello da Coruña presentará o vindeiro 12 de decembro o tradicional Belén Municipal, que este ano contará cunha nova incorporación destacada: unha figura dedicada ao artista coruñés Xoel López. A peza pasará a formar parte das máis de 230 figuras de barro que, cada edición, inclúen personaxes vinculados coa cidade ou cun papel relevante na súa vida institucional.
A alcaldesa, Inés Rey, avanzou esta novidade durante o acendido das luces de Nadal do mercado de Elviña, celebrado esta mañá. López, que o 4 de decembro pechará na Coruña a xira do seu último disco Caldo Espírito cun concerto no Palacio da Ópera, recibirá a figura do Belén o mércores 3, nun acto institucional previo á apertura.
O Belén permanecerá instalado no Salón de Exposicións do Palacio Municipal de María Pita ata o 6 de xaneiro. O horario xeral será de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00, aínda que, como é habitual, incluíranse adaptacións en datas sinaladas: o 24 e 31 de decembro abrirá só pola mañá; o 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro, só pola tarde; e o 5 de xaneiro, unicamente en horario de mañá.
Tras o acendido oficial das luces de Nadal en María Pita, celebrado onte coa participación do exdeportivista Bebeto, esta mañá tivo lugar outro dos actos tradicionais destas datas: o acendido do alumeado do mercado municipal de Elviña. No evento participaron a alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, acompañadas pola Asociación de Comerciantes do Mercado, presidida por Leonardo Tomé.
Tamén estivo presente Rosa Otero, presidenta da Asociación de Amas de Casa, recoñecida como Filla Adoptiva da cidade en outubro.
Durante a súa intervención, Inés Rey destacou o papel esencial das persoas que traballan na praza, lembrando que “son as persoas que dan vida a un mercado que é moito máis que un espazo comercial, porque tamén é un punto de encontro e interrelación social”.