O barrio das Flores da Coruña é declarado nova Área de Rehabilitación Integral pola Xunta

ACoruñaXa
A medida busca facilitar actuacións de mellora tanto nas vivendas como no espazo público deste ámbito urbano
Imaxe do barrio das Flores na Coruña
27 May 2025

A Xunta de Galicia vén de declarar oficialmente o barrio das Flores como nova Área de Rehabilitación Integral (ARI), segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). A medida, impulsada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), busca facilitar actuacións de mellora tanto nas vivendas como no espazo público deste ámbito urbano.

Con esta declaración, o barrio das Flores convértese na undécima ARI recoñecida no Concello da Coruña, sumándose a outras zonas xa delimitadas como Cidade Vella, A Peixaría, o Ventorrillo ou Labañou. En concreto, o ámbito declarado abrangue 16 hectáreas, delimitadas pola avenida de Monelos e a rolda de Camilo José Cela, e atópase a uns 300 metros ao leste da avenida de Alfonso Molina.

No seu interior residen case 4.000 persoas repartidas en 58 edificios, dos cales 42 son de uso residencial, 7 de uso terciario e 9 dedicados a equipamentos, cun total de 1.934 vivendas.

A responsabilidade da xestión da ARI corresponde ao Concello da Coruña, que xa conta cun entorno residencial de rehabilitación programada (ERRP) nesta mesma zona desde o ano 2022. Este ERRP permite o acceso ás axudas do programa estatal de Barrios, financiado con fondos europeos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Neste contexto, o Concello recibiu máis de 2,5 millóns de euros para apoiar a mellora da eficiencia enerxética das vivendas e edificios do barrio das Flores. A administración local deberá agora convocar as correspondentes axudas para que os veciños poidan beneficiarse destas subvencións.

Esta nova declaración supón un impulso para a rehabilitación urbana e a mellora da calidade de vida da veciñanza, permitindo avanzar cara a unha cidade máis sostible e inclusiva.

⚙ Configurar cookies
0.17004108428955