"O barrio da Agra do Orzán é un barrio de contrastes moi estigmatizado, pero no que é moi interesante traballar"

ACoruñaXa
A actividade da Asociación Arquitectura Sen Fronteiras en Galicia centrase especialmente na cooperación local na cidade da Coruña a través de proxectos como o de ‘Agra barrio de coidados’
Imaxe dunha das xuntanzas do proxecto' Agra barrio de coidados' de Arquitectura sen Fronteiras
17 Mar 2024

Miriam García

Os colectivos e asociacións da cidade da Coruña, ao igual que o fan os cidadáns, márcanse novos propósitos e desexos de cara ao arranque do novo ano e fan un balance de como foi a súa actividade ao longo do 2023. Dende a redacción ACoruñaXa queremos dar voz a tódalas agrupacións que conforman e facilitan a vida dos coruñeses e coruñesas, por iso estás últimas semanas cada domingo lles dedicamos un espazo a algunhas delas, empezando polo sector cultural, un dos máis aprezados nos últimos anos, pasando polos dereitos das persoas LGTBI, a alza dos trastornos da conducta alimentaria, os deportes minoritarios, as ONGs e por último, as asociacións que velan polo dereito á videnda de todos os cidadáns.

Neste sentido, nos últimos anos púxose máis en manifesto a importancia dunha vivenda digna e duns barrios que atendan as necesidades dos coruñeses. Por iso, é necesaria a existencia de asociacións como Arquitectura Sen Fronteiras. Esta organización sen ánimo de lucro é estatal, pero nas súas demarcacións territoriais desenvólvense moitos proxectos autónomos.

Na cidade a súa presenza remontase ao ano 1995 e dende entón “promoven e defenden o dereito a un hábitat digno para todas as persoas. Entendendo por hábitat non so a vivenda física, senón que englobando o contexto físico, político, social, cultural e económico que rodea a cada persoa dentro da súa realidade”. Juan Ortiz, responsable técnico, afirma que de cara a este ano o seu obxectivo “é que as cousas nos sigan indo ven e que todos os nosos proxectos sigan adiante, amodo pero sen pausa”. 

Miran con especial ilusión cara o proxecto ‘Agra barrio de coidados’ que puxeron en marcho a finais do ano pasado, logo dun proceso de identificación de fortalezas e debilidades, co que pretenden dar unha maior visibilidade ao peculiar vecindario da Agra do Orzan. “É o barrio con maior densidade de poboación de Europa, pero tamén  un dos máis pequenos”, explica Juan.

“É un barrio de contrastes moi estigmatizado: multicultural e de idades variadas porque nos anos 60 se configurou con xente de fora e hoxe en día chega a el moita poboación emigrante. Por iso é moi interesante para traballar”, engade. Para o desenvolvemento deste proxecto están a colaborar coa Asociación de Veciños do Agra do Orza, os alumnos do Mestrado de Políticas Sociais e Intervención Comunitaria da Universidade da Coruña, o CEIP Raquel Camacho, o IES Agra I e a Biblioteca Municipal do Ágora: “Aínda que tamén interveñen puntualmente outras asociacións do barrio”.

Neste contexto a asociación traballa sobre tres bazas: a primeira, é a cooperación internacional que concentra a súa actividade en Guatemala. A segunda, a cooperación local que se centra especialmente na cidade da Coruña. “Estivemos varios anos traballando nos asentamentos precarios da cidade, nos asentamento chabolista da Pasaxe e no das Rañas, ata que o Concello mudou a súa política e comezou a actuar neles”, explica Juan.

E por último, o grupo de educación para a cidadanía global que ten como obxectivo formar unha cidadanía crítica con respecto ao dereito ao hábitat e para conseguilo traballan con axentes multiplicadores, especialmente cos relacionados coa mocidade. Desempeñan a súa actividade formativa con docentes de primaria, de secundaria e de Universidade. “Acabamos de rematar este 2023 un proxecto de catro anos no IES Zalaeta da cidade no que falamos destes temas dende unha perspectiva de coidados. Algo moi acertado, pois comezamos a andaina antes do estalido da Pandemia que puxo enriba da mesa a necesidade de prestar atención a o tema”, apunta o arquitecto.

0.21764016151428