O barrio coruñés Novo Mesoiro contará cunha nova área de ocio xuvenil a partir de setembro

ACoruñaXa
O proxecto atópase xa na súa fase final de licitación e está prevista a sinatura do contrato nos vindeiros días
novo-mesoeiro-corunha
21 Jul 2025

O Concello da Coruña comezará entre finais de agosto e principios de setembro as obras da nova área de ocio xuvenil no barrio de Novo Mesoiro. A actuación, que forma parte do paquete de melloras previsto polo Goberno de Inés Rey para a zona, busca ampliar os espazos destinados á mocidade nun dos barrios con maior concentración de familias novas da cidade.

Segundo explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, o proxecto atópase xa na súa fase final de licitación e está prevista a sinatura do contrato nos vindeiros días. Unha vez formalizada a adxudicación, o prazo para a execución das obras será de seis meses.

A nova área levantarase nunha zona axardinada actualmente sen uso, situada entre os bloques de vivendas da rúa Ribeira Sacra e o rego de Moitos. O espazo contará cunha superficie de máis de 1.500 metros cadrados e incluirá zonas diferenciadas para diversas actividades: calistenia, break dance e bailes urbanos, baloncesto, ping-pong, xadrez e un pequeno rocódromo.

“Haberá espazos delimitados para cada disciplina, mais todos eles estarán interconectados con percorridos accesibles e, no caso da área para break, a previsión do Concello é que haxa unha cuberta protectora en forma de xeoda, óptima para o desenvolvemento de actividades ante condicións meteorolóxicas adversas”, sinalan desde o Goberno local.

O investimento previsto para esta infraestrutura supera os 230.000 euros. Ademais, o Concello anuncia que Novo Mesoiro tamén acollerá a primeira fonte lúdica ao aire libre da cidade. Este segundo proxecto, cun orzamento engadido de 132.000 euros, atópase tamén en fase de licitación.

⚙ Configurar cookies
0.21157908439636