O barrio coruñés de Labañou vive a súa tradicional Festa dos Porcos

A programación das festas dos barrios da Coruña continúa o seu percorrido neste mes de xuño cunha fin de semana repleta de actividades en Labañou e Palavea. Ambas celebracións contan co apoio económico do Concello da Coruña a través do plan de axudas ás entidades veciñais para as festas patronais, cun orzamento global de 500.000 euros.
“Desde o Goberno de Inés Rey temos democratizado este ano o proceso para que os diferentes barrios celebren as súas festas, dándolle ás asociacións unha maior autonomía para que confeccionen os programas”, destacou o concelleiro Gonzalo Castro.
Labañou: Festa dos Porcos e música en galego
O barrio de Labañou vivirá unha dobre celebración na praza da Tolerancia. Este venres tivo lugar a segunda edición do festival Aquí tamén se fala, unha proposta que busca promover o uso do galego entre a mocidade. O cartel arrincou con Ulex e continuou coas actuacións de Pava, Alana, e Ortiga.
Este sábado será a quenda da tradicional Festa dos Porcos, organizada pola Asociación de Veciños Labañou, San Roque, Zona Escolar e Rosales. A xornada comezará ao mediodía cunha comida popular de arroz de porco, obradoiros infantís e actuacións de Lilicleta, Atacca Percusión e Pan Sen Fron. Pola tarde haberá xogos tradicionais, circo e, xa pola noite, as actuacións de Monoulious Dop, Catuxa Salom e Pablo Balseiro & La Verbenian Orquestra.
Tamén esta fin de semana, Palavea celebra as súas festas patronais na honra de San Antonio e Santa Cristina, organizadas pola asociación veciñal Os Nosos Lares. A programación completa nesta ligazón.