O Auditorio García Márquez de Mera prepárase para un fin de semana de danza

O Auditorio Gabriel García Márquez converterase esta semana no escenario da celebración da danza no municipio. Os días xoves 19 e venres 20 de decembro, o alumnado das Escolas Municipais de Danza ofrecerá dous espectáculos para conmemorar o Nadal e amosar o seu talento artístico.
O programa arrincará o xoves 19 ás 19:00 horas coa posta en escena de O crebanoces, interpretado polo alumnado de danza clásica da Escola Municipal. A obra, un clásico do Nadal, promete encher o auditorio de maxia e elegancia a través dunha proposta chea de delicadeza e emotividade.
O venres 20 tamén ás 19:00 horas será a quenda das danzas urbanas e o lyrical, coa Función de Nadal a cargo do alumnado destas disciplinas. Esta actuación combinará enerxía e creatividade, cunha mestura de estilos que reflicte a diversidade da oferta cultural do Concello.
Estes eventos forman parte do compromiso de Oleiros coa promoción da danza como medio de expresión cultural e artística, destacando tamén o seu valor como ferramenta para fortalecer a convivencia e o espírito comunitario.
Unha oportunidade única para desfrutar da arte local e apoiar ás novas xeracións de bailaríns e bailarinas nunha atmosfera festiva.