O Auditorio de O Burgo acolle este venres o monólogo 'Eran elas!' de Avelino González

O Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo acollerá este venres 21 de novembro a representación de 'Eran elas!', o monólogo do actor e narrador Avelino González. A cita será a partir das 20.30 horas e enmárcase na programación municipal polo 25N, dentro do ciclo Culleredo en Escena e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A entrada é gratuíta, mais é preciso realizar reserva previa. As persoas interesadas poden chamar ao teléfono 981 66 55 97 ou achegarse persoalmente ao Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, en horario de 16.00 a 21.00 horas. O espectáculo está recomendado para maiores de 12 anos.
En 'Eran elas!', Avelino González revisita os contos clásicos cun enfoque fresco, irreverente e cheo de humor. O monólogo cuestiona o mito dos príncipes azuis como creación moderna e lembra que, antes de que autores como os irmáns Grimm, Perrault, Andersen ou a factoría Disney fixasen as versións máis coñecidas, as mozas combatían dragóns, as mulleres salvaban aos heroes e personaxes como Isolda non precisaban de Tristán para saír adiante.
A proposta rescata esa tradición máis plural e entretida, devolvéndolle o protagonismo ás personaxes femininas e ofrecendo unha ollada crítica sobre os roles que a literatura e o audiovisual lles foron asignando co paso do tempo.