O Atlantic Pride reforza o seu cartel con novas voces galegas para o verán de 2026

ACoruñaXa
arde, Jonydasvie, Montedapena, raze e Terrae Dj’s súmanse ao ‘Orgullo do Norte’, que volverá do 5 ao 12 de xullo con Miriam Rodríguez, Whigfield e Choriza May xa confirmadas
A CORUÑA atlantic pride
24 Feb 2026

O Atlantic Pride volverá tomar A Coruña do 5 ao 12 de xullo de 2026 cunha nova edición do coñecido ‘Orgullo do Norte’, un evento gratuíto e inclusivo que combina música, cultura e reivindicación nun formato pensado para públicos moi distintos.

Tras pechar 2025 cun balance duns 45.000 asistentes, a organización avanza un cartel que mestura grandes nomes do pop con propostas emerxentes e formatos que van da performance ás sesións de DJs, ademais do seu Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, que en 2026 celebrará a quinta edición.

A principal novidade desta primeira fornada de anuncios é o protagonismo do talento galego, que regresará ao escenario do festival con cinco incorporacións: arde levará o seu powerpop de guitarras afiadas e letras con pulso social; Jonydasvie presentará un show que mestura temas propios con himnos de Lady Gaga, acompañado de cinco bailaríns; Montedapena abrirá unha nova etapa máis pop-punk, directa e sen complexos; raze defenderá unha proposta 360º entre o electrónico e o orgánico; e Terrae Dj’s converterá a pista nunha viaxe entre electrónica e músicas de raíz.

Estas incorporacións únense ás primeiras cabezas de cartel xa confirmadas: Miriam Rodríguez, cun directo de pop de aire oitentero e pegada persoal; Whigfield, símbolo do pop-dance europeo dos 90 coa eterna ‘Saturday Night’; e Choriza May, unha das drags máis recoñecidas da escena internacional, cun espectáculo cargado de humor e reivindicación.

O avance do programa publicado polo festival sitúa a actuación de Whigfield o xoves 9 de xullo ás 23.30 na Praza de Pontevedra, mentres que Miriam Rodríguez subirá ao escenario o venres 10 ás 22.00 nos Xardíns de Méndez Núñez. Choriza May actuará na madrugada do sábado 11 ás 00.30 e o domingo 12, ás 22.00, celebrarase a entrega de premios do certame literario.

Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO), o Atlantic Pride conta con apoio institucional e patrocinio privado, e volverá converter a cidade nun escaparate de diversidade e celebración no arranque do verán.

0.097499132156372