O Atlantic Pride organiza a III edición do Certame de Literatura LGTBI+
O Atlantic Pride convoca unha nova edición do Certame de Literatura LGTBI+ en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, un grupo de lectura que se reúne mensualmente desde o 2016 nas bibliotecas da cidade para ler e debater sobre cultura LGTB. As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI+, e poderán presentarse até o 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100 euros).
O III Certame de Literatura LGTBI+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+. O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival na cidade do 7 ao 14 de xullo, momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web oficial do festival.
Requisitos de participación
Poderán tomar parte no concurso todas as persoas maiores de idade, sempre que as obras sexan en galego, orixinais e inéditas. E que non foran publicadas en ningún tipo de formato, nin total nin parcialmente (incluído Internet), nin premiadas ou pendentes de decisión en outros concursos ou á espera de resposta de procesos editoriais. O incumprimento desta primeira base descualifica automaticamente o traballo presentado.
Só se admitirá unha obra por persoa. Todo aquel que participe no certame acepta a cesión da obra para a súa publicación e difusión en outros medios físicos ou dixitais relacionados co Atlantic Pride ou o Club de lectura QUEERuña. Unha vez rematado o concurso publicarase un libro cos relatos premiados e unha selección do xurado.
Temática e formato
A temática dos relatos é libre, pero estes deben ter unha vinculación á diversidade LGTBI+. O texto presentarase en formato pdf e en documento tamaño DIN A4, cunha extensión máxima de 10 páxinas, con tipografía Times New Roman, tamaño 12, interlineado 1.
Sobre o xurado do concurso
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña, os cales non poderán participar neste concurso. Unha vez finalizado o prazo de presentación, a organización facilitaralle ao xurado todas as obras presentadas ao concurso, tamén en formato dixital, pero sen ningún dato persoal que permita identificar a súa autoría.
Depois o xurado realizará a súa valoración en dúas fases: unha individual e outra grupal, que será nun encontro ordinario do club. No caso de existir disparidade de criterios que non permita dirimir as obras premiadas, optarse por realizar unha votación individual coas puntuacións 10, 7, 5, 3 e 1 puntos e as obras gañadoras serán as que maior puntuación acaden.
Os integrantes do xurado levantarán acta das valoracións e posteriormente remitiralla á organización do certame. Os criterios de valoración o xurados serán, por unha banda, a calidade literaria e a corrección gramatical, e, por outra, a atención a personaxes e historias infrarrepresentadas dentro do espectro LGTBI+ e a orixinalidade da obra.