O Atlantic Pride da Coruña supera as 45.000 persoas e consolídase como referente

O Atlantic Pride pechou a súa sexta edición cun balance de preto de 45.000 asistentes entre o 6 e o 13 de xullo na Coruña, converténdose nun dos eventos culturais e musicais máis destacados do verán no noroeste peninsular.
A cita, coñecida como ‘o Orgullo do Norte’, desenvolveuse durante oito días nos escenarios da Praza de Pontevedra e dos Xardíns de Méndez Núñez, con concertos de artistas como Judeline, Edurne, David Civera, Nia, Merche, De Ninghures, Alana, Jimena Amarillo, Mayo, Sofía Cristo, Cascales, Arantxa Castilla-La Mancha e Samantha Ballentines, entre outros, sumando máis de 35 bandas e artistas participantes.
O festival, organizado pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO), volveu apostar por unha programación musical diversa e colorida, onde a calidade dos directos é unha das prioridades. O Atlantic Pride consolidouse así como un espazo aberto, seguro e inclusivo, con propostas pensadas para todos os públicos e gañando cada ano novos seguidores.
O programa deste 2025 incluíu 37 actuacións entre concertos, espectáculos de drags, sesións de dj’s de referencia tanto galegos como estatais, e a cuarta edición do Certame Literario de Literatura LGTBI+, que contou cunha ampla participación.
Desde ORCO quixeron trasladar o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible o evento, destacando especialmente “o récord de asistencia desta sexta edición”. “Isto é unha mostra máis do interese que o Atlantic Pride xera na cidade da Coruña”, sinalaron. A organización tamén destacou a entrega e bo ambiente creado polos artistas ao longo dos oito días de celebración, e anunciou que “moi pronto” agardan presentar novidades para a edición de 2026.
ORCO concluíu reiterando o seu compromiso: “Seguiremos a traballar coa vontade firme de que todas as persoas se sintan representadas e benvidas, para situar a nosa cidade como un referente da diversidade, a liberdade e a celebración, apostando, de novo, polos sinais de identidade desta cita xa icónica da Coruña: visibilización, inclusión, cultura, talento e diversión”.