O Atlantic Pride abre na Coruña o seu V certame de relatos LGTBIQ+ con premios de ata 600 euros

ACoruñaXa
O concurso, en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais e o club de lectura QUEERuña, admite textos en galego ata o 31 de maio e dará a coñecer as obras gañadoras durante o festival, do 5 ao 12 de xullo de 2026
A CORUÑA atlantic pride 2025
Imaxe de Raúl Lorenzo
11 Feb 2026

O Atlantic Pride volve tirar da literatura para facer activismo cultural. O festival coruñés vén de convocar a quinta edición do seu Certame de Literatura LGTBIQ+, un concurso de relato curto que busca visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e poñer no centro experiencias habitualmente minorizadas.

A convocatoria, impulsada xunto coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña a través do club de lectura QUEERuña, está aberta a persoas maiores de idade e establece como requisito que as obras sexan en galego, orixinais e inéditas. A temática é libre, sempre que teña vinculación coa diversidade LGTBIQ+, e só se admite un texto por participante.

Os relatos deberán enviarse mediante a web do festival en formato pdf, en tamaño DIN A4, cun máximo de 10 páxinas e tipografía Times New Roman a tamaño 12 e interliñado 1. O prazo de presentación pecha o 31 de maio.

O certame repartirá tres premios en metálico: 600 euros para o primeiro, 300 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro. O xurado estará formado por integrantes de QUEERuña e os gañadores anunciaranse durante a celebración do Atlantic Pride, do 5 ao 12 de xullo de 2026, datas nas que tamén terá lugar a entrega dos galardóns.

As bases completas poden consultarse na páxina oficial do festival.

V-Certame-Literatura-Atlantic-Pride
⚙ Configurar cookies
0.06604790687561