O artista Carlos Núñez ofrecerá un concerto especial no Castelo de San Antón

O músico vigués Carlos Núñez ofrecerá un concerto especial no castelo de San Antón o próximo domingo 27 de xullo, dentro da súa xira “Lugares Máxicos”, que percorre espazos emblemáticos e de gran valor patrimonial de Galicia e España. “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos promovendo eventos culturais únicos na cidade, aproveitando os nosos espazos máis emblemáticos, como este castelo de San Antón”, explicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. O día do concerto haberá dúas actuacións, ás 19.30 e ás 21.30 horas.
Carlos Núñez é un dos músicos galegos máis recoñecidos a nivel internacional, especialmente na música celta. Comezou a tocar a gaita con só 8 anos e xa aos 12 actuaba en festivais internacionais como o Intercéltico de Lorient, en Bretaña. A súa carreira consolidouse coa colaboración coa banda irlandesa The Chieftains, con quen gravou e fixo xiras durante anos.
En 1996 publicou o seu primeiro disco en solitario, ‘A Irmandade das Estrelas’, un traballo pioneiro que achegou a música celta galega a públicos de todo o mundo e que acadou o disco de platino en España. Ao longo da súa traxectoria, lanzou numerosos álbums, entre eles ‘Os Amores Libres’, ‘Alborada do Brasil’, ‘Inter-Celtic’ e o máis recente ‘Celtic Sea’, nos que fusiona tradición galega con influencias de Irlanda, Bretaña, Escocia, Brasil e flamenco.
Recoñecido como embaixador da cultura galega, Núñez recibiu importantes distincións como a Medalla Castelao (2013) e a Medalla de Ouro de Galicia (2023). Coa súa xira “Lugares Máxicos”, percorrerá este verán diferentes espazos emblemáticos, entre eles o Castelo de San Antón, onde o Concello da Coruña aposta por abrir un dos seus bens patrimoniais máis destacados á música en directo. Esta iniciativa súmase á oferta anual do Festival Noroeste Estrella Galicia, que ofrece experiencias musicais únicas nun formato reducido.